A Luis Reimóndez Fernández no día da estrea da peza teatral Un médico na aldea

Querido Luis
 
Sinto que finalmente non puideses ocupar a butaca que tiñamos reservado para ti na primeira fila do Principal. Xustamente alí; entre Katina e eses fervedoiros loiros que tes por netas. Confeso que albergabamos a secreta esperanza de que as veleidades do divino fixesen unha excepción e nos permitisen compartir contigo a estrea deste teu musical, pero ben sabes que a barca de Caronte non admite viaxes de ida e volta.
 
Hai uns sete anos que acordamos honrar o nome de teu pai poñendo en escena ese manual de aprendizaxe humanitaria que é Un médico de aldea. Lembro a ilusión coa que agardabas ver culminada esta homenaxe. Tristemente, rematou por homenaxearte a ti tamén. É certo. Pero direiche que a adoración que sentías polo teu pai contaxiouse ás dúas agrupacións que puxeron en pé este proxecto… A Escola Municipal de Artes Escénicas e Tequexetéldere asumiron a empresa coa paixón e a dignidade que merecía reto de tal relevancia.
 
É este un libro de memorias que, ao xeito dun Chéjov ou un Balzac, pondera o labor dos médicos rurais que exercen a súa vocación por sendas e corredoiras, facendo da vocación, virtude. Alí onde non chegan vacinas nin antibióticos, faino unha man no ombreiro ou unha boa conversa. Ese é todo o arsenal terapéutico que viaxa na maleta do noso protagonista.
 
Con calma e devagar, todo ese retallo de vivencias escrito polo “médico dos pobres” foi cobrando alento escénico da man de Santiago Cortegoso. E has saber que o director da peza tivo a habilidade de artellar unha armazón narrativa capaz de conducir o espectador por unha trama vívida de sorrisos e sentimentos. Unha trama, Luis, no que música e texto dramático conviven con marabillosa simpleza. 
 
Mimá! Gustaríame que vises coma a soñadora de riscos, Rosa de Cabanas, é quen de reinventar a palabra dramática, virando en poesía o imaxinario do autor. A súa sensibilidade, semellante á do teu ben amado Pepe, é quen de enmarcar as escenas nun lenzo onde tradición e contemporaneidade converxen no milagre dun iPad.
 
O traballo dos actores e actrices? Direiche que cisca verdade e vida a cachoadas. E o dos músicos, cantareiras e bailaríns; ledicia a mares. Porque despois de todo, Luis, a vida é iso. Ninguén mellor ca ti o sabe. Un sorriso, un amar, un compartir… mais tamén; un silencio, unha aperta de mans e un dicir nada.
 
 
Xosé Lueiro
xerente da Escola Municipal de Artes Escénicas da Estrada