Será mañá sábado. Despois dunha exitosa estrea en Portugal, Un médico na aldea, a peza interpretada por Tequexetéldere, a EMAE e Rosa de Cabanas presentarase diante do público estradense, erguendo unha expectación sen precedentes. Tanto a función de mañá coma a do domingo ás 19.00h esgoataron as localidades e xa se están a vender entradas para unha nova función que terá lugar o vindeiro venres día 8 ás 21.00h. A peza de Reimóndez Portela está adaptada e dirixida por Santiago Cortegoso e interpretada por 50 persoas entre corpo de baile, reparto actoral, cantareiras, músicos e debuxante en vivo. Un espectáculo que conta as peripecias dun médico no rural estradense e que reborda humanidade ao longo da súa hora de duración. Este é, sen dúbida, un dos acontecementos teatrais do ano na vila que ninguén debera perderse.
O musical Un médico na aldea co que Tequexetéldere e a Escola Municipal de Artes Escénicas lles renden homenaxe a Manuel Reimóndez Portela e ao seu fillo, Luis Reimóndez Fernández, vén de triunfar na actuación celebrada este pasado sábado no ciclo de Convergências Portugal-Galiza que organizou a Cámara de Braga xuntamente coa Universidade do Minho e a Xunta de Galicia no Centro da Juventude de Braga. As peripecias do médico dos pobres concitaron a aclamación unánime do público nunha actuación chea de nervios e emotividade. Esta vindeira fin de semana Un médico na aldea poderá verse no Teatro Principal da Estrada. A expectación que está a xerar esgotou, practicamente, as entradas do pase do sábado (20.00h) e vai camiño de esgotar as do domingo (19.00h), función da que restan pouco máis de 100 entradas por venderse das preto de 400 dispoñibles. As entradas poden mercarse no Dpto. Cultura do Concello da Estrada a un prezo de 3,00€.